ASPECTOS CONSTRUTIVOS E TÉCNICO

 
A). Material escultórico. Soporte

A mazonería é de madeira de castiñeiro, predominan os ensambles a media madeira en colas de milano, os ensambles de caixa e espiga empregáronse maiormente para as unións das pezas que soportan os esforzos verticalmente. Utilizáronse cravos de forxa para reforzar as unións mencionadas.

O carácter autoportante da arquitectura do retablo fai que unhas pezas sirvan de apoio a outras configurando a verticalidad mediante ensambles de caixa e espiga. A estabilidade horizontal do conxunto conséguese mediante o emprego de suxeicións de machones de madeira ancorados ao muro e ao retablo, situados nas liñas da predela e o entablamento.

Os relevos e elementos de talla de zonas planas da arquitectura configúranse mediante a unión de táboas a aresta viva. As esculturas de vulto redondo están talladas na totalidade do seu volume.

B). Estratos de preparación e policromía.

A capa de preparación consiste na aplicación de varias capas de sulfato cálcico contrapeado, aglutinado cunha cola orgánica. Esta mesma mestura de cola quente aplicábase inicialmente sobre a madeira para facilitar o agarre do aparello. Nas zonas de nós ou de unións a aresta viva da madeira adoitaba colocarse tea ou estopa encoladas a modo de reforzo antes da aplicación do aparellado. Sobre esta capa de aparello realízanse os motivos decorativos que van incisos na mesma. Unha vez alisado este estrato de xeso e realizados os motivos incisos, aplícanse sobre el varias capas de bol avermellado, nas zonas que se presentan douradas, e as cores ao amorne (posiblemente de carácter orgánico), nos campos de cor marmoleados.

A policromía das esculturas e os relevos desagrégase tecnicamente en encarnacións e roupaxes.

O policromado das imaxes recolle motivos realizados mediante a técnica de estofado, ben realizado mediante esgrafiado ou ben a punta de pincel. A riqueza destas decoracións difire dunhas imaxes a outras, gardando maior calidade técnica a imaxe de San Miguel, onde é visible tamén o emprego de lacas vermellas. As decoracións destes estofados ( esgrafiados ou punta de pincel) están aparentemente realizadas con cores ao amorne
.